Quinta-feira, Janeiro 20, 2005

Triloxia (I)

Penso gardar as notas e axitalas,
xogar ao azar dos tambores
e encirrar as guitarras para que canten,
no escuro que alumea a túa casa
as cantigas de embalar os soños do pobo
Deixarei un outro eu de min,
o que non sobreviva e sexa neno perdido,
sempre con sono, a falar de feridas absurdas,
irmán da tua tristura e xémeo
do brillo dos ollos insomnes.
Levarache notas na palma da man
coma grans que lle permitan
morar na sombra da cor da morte.
Falalle do cravo e das apertas
que nom che din aquel día,
de como escintilaban as bandeiras
do terríbel medo de ser outros.
Penso gardar notas e axitalas,
entoar cantigas que nos dean a vida
salavar algo que toque o reto dun sorriso.
Un outro eu renunciou á luz
para vivir contigo na espera,
e facerse lugar na vixília que coida de nós.
Cando chegue o dia destrozaredes ídolos,
e os sorrisos serán espellos onde atoparse,
cando chegue o dia durmiredes entre as follas,
e todos xuntos xogaremos as notas da revolta
como dados gañadores rompendo unha mala racha.

Mario Regueira
(Este poema foi publicado no número 54 de A Micro pechado, Barcelona).