Trioloxia (III)
Disme que non podo marchar
e en verdade arrepía
pensar nelas trazando a miña sombra nas paredes,
os ocos imperceptibeis nas camiñadas,
as pobres olladas de xenreira,
fumegando na danza, sen dirección.
Non podo marchar, eu xa marchei,
e tantas cousas viñeron canda min
que ás veces quixera ser outra cousa:
un cigano con kalashnikov, un pirómano insomne,
unha bala no mato.
Non podo, dis,
por máis que invente un país liberado,
e pasemos horas deseñando bandeiras cos beizos,
acochados baixo a choiva.
Trazas rutas co dedo,
defines un concepto soportábel de ausencia,
horas perdidas viaxando cara o sur,
as apertas como agasallos ao hóspede.
E murmuras que aínda estamos vivos
pero, coma todos, sei
que cada día é un pouco máis mentira.
Mário Regueira.